
Ante a adversidade, creación. Este lema ten especial significado nestes
tempos de pandemia e cobra aínda máis forza no traballo literario do
ribeirense Ignacio Lens Sarasquete, quen plantou cara a unha longa serie
de “anos duros” co descubrimento, tardío pero benvido, da poesía.
Froito desta paixón xurdiu Versos Diversos e agora está a piques de ver a luz Universos.
Falamos con Nacho para que nos adiante cousas do libro e nos recorde
ate que punto a alma de cada quen pode atopar acougo e tranquilidade no
acto de crear, mesmo no medio dun ano tan convulso como o que vimos de
deixar atrás.
P-Nacho xa non es un debutante nisto da literatura, e hai xa
máis de tres anos, se non recordamos mal, que te vimos lanzándote á
edición co libro de poemas e reflexións Versos Diversos. Ou
sexa, que debutaches en 2017 no ámbito da publicación, pero o formigo da
escritura é seguro que che veña de antes. Cando comezaches a escribir e
por que motivo?
R-Comencei a escribir xa hai uns dez anos nun blog que aínda existe e
de vez en cando público algo nel. Claro que agora público poesía (creo
que xa non sei escribir de outro xeito).
P-Como foi a acollida de Versos Diversos? Quedaches satisfeito da túa irrupción no ámbito das letras?
R-A acollida de Versos diversos foi moi boa e superou as miñas expectativas. Claro que tamén tivo moito que ver o facer unha presentación como se fixo.
P-Hai uns días adiantáchesnos que estás preparando un novo
libro. Cóntanos algo del, do titulo e de a que responde, da súa orixe e
do que nos ofreces nas súas páxinas…
R-Si, xa teño o segundo libro, co título Universos e xa está
en “fabricación”, e espero telo nas mans, mais ou menos o vinte de
xaneiro. Debido a carga de traballo da imprenta, non puido estar antes
como era a miña intención, para telo dispoñible para estas festas do
Nadal. Eu levarei algúns exemplares a un par de librerías de Ribeira e
Santiago. Pero tamén pódese mercar por Internet nos seguintes enderezos:
· https://libros.cc/Universos.htm
· https://libros.cc/librerias.php
· En Amazon https://n9.cl/u0y4s
E en canto a facer presentación, co asunto da pandemia e tal como
están as cousas, é un pouco arriscado. Así que decidín sacalo e despois
xa verei.
P-É moi complicado publicar unha obra literaria, a día de
hoxe, dende a independencia e a liberdade creativa nas que sabemos que
traballas?
R-Si, é moi complexo, sobre todo para os que non somos coñecidos ou
non temos un recorrido no asunto. Basicamente temos que autoeditar da
man dunha editorial que che corrixe o texto, fai a maquetación e pon o
libro nas librerías, previo pago de moitos cartos. Pero, paga a pena!
P-A quen te gustaría adicar esta nova obra que nos presentas?
Falamos por unha banda das túas principais influencias creativas
directas (eses autores, músicos e artistas máis ou menos consagrados dos
que todas e todos temos un recordo especial), pero tamén da xente máis
anónima, de lectoras e lectores que te puideron regalar o libro axeitado
no intre axeitado, ou que te puxeron a canción indicada no momento
indicado, ou persoas que te inspiraron e te animaron a seguir esta
senda….
R- Bueno o libro adícollo sobre todo á miña familia e aos meus
amigos, e a todos eses autores de cabeceira: Galeano, Benedetti, Lorca o
Neruda, que ao longo do tempo fun lendo. Con todo, direiche que nunca
se me pasou pola cabeza que acabaría escribindo poesía, aínda que sexa
“poesía canalla” como a min gústame chamala.
P-É o impulso artístico e creativo que levamos dentro (a
poesía, a literatura, a música, a fotografía) un antídoto contra os
embates que recibimos da realidade?
R-Claro, é e será sempre unha forma de evadirse dos problemas, entre
outras moitas cousas. Estes anos foron bastante duros pra min e
escribindo foi onde me atopei mais cómodo. É un xeito de esquecer o que
nos produce inquietude ou nos fai sufrir e ocupar o día.
P-Meténdonos en faena, fálame en detalle das cousas que podemos atopar en Universos…
R-É un libro de “poesía canalla” cuns cantos ingredientes de
nostalxia, humor e de facer balance de experiencias vividas. Na
introdución dise que é “un repaso á vida e aos mellores momentos; que se
intercalan con reflexións sobre as cousas cotiás, o amor, a
sensualidade e a escritura”. Unha das cousas que quixen facer foi
conectar cos lectores e lectoras, a fin de contas escribir debe
parecerse moito a abrir ante os demais un camiño directo cara a túa
alma. A editora de Vadeletras, María Antuña, destacou que a experiencia
de ter lido o libro valeulle entre outras cousas, mira ti por onde, para
sentir como alguén describía un momento especial da súa vida. Este era
un dos meus obxectivos.
